Opinión

Anxo Angueira*

Para Darío Xohán Cabana, in memoriam

O próximo sábado, día 27, lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega Anxo Angueira Viturro (Manselle, Dodro, 1961) que é actualmente profesor da Universidade de Vigo e presidente da Fundación Rosalía de Castro. Non podemos disociar a súa profesión docente do seu cargo na institución rosaliana porque o profesor Angueira chega a presidila, entre outras razóns, pola súa intensa e dilatada dedicación ao estudo da obra da nosa escritora fundacional. Como editor da poesía completa de Rosalía levou a cabo unha profunda revisión textual da mesma que nos permite unha lectura renovada e respectuosa coa vontade autorial. Paralelamente, toda unha serie de artigos van completando un aparato erudito e crítico que nos posibilita a restauración visual de poemas que acaban cobrando significados desapercibidos ata o momento.

Mais os traballos e días dedicados polo profesor Angueira á nosa gran poeta nacional non poden facer esquecer a súa importantísima actividade creativa no campo da poesía, da novela e do ensaio literario en xeral. A obra estritamente de creación de Angueira, dunha relativa brevidade, sen dúbida querida polo autor, é dunha tensión extraordinaria, que se manifesta en textos xa seguramente clásicos como son a poesía civil e coral d’O valo de Manselle, ou esa portentosa novela Pensa nao, na que brilla dun xeito senlleiro a lingua popular ó servizo dunha auténtica epopea do pobo de Rosalía; quizabes o paralelo novelístico máis perfecto e conmovedor que se poida dar dos Cantares gallegos. No seu conxunto, unha obra arraigada nos eidos natais das terras de Iria que proxecta con potencia un territorio de valores que orientan sobre o que fomos, o que somos e o que queremos ser.

"Coidamos que a expresión que mellor define a personalidade do novo académico e que está dotada de capacidade para caracterizar a súa vida e a súa obra, é lealdade ética"

Non me deteño no vasto currículo de Anxo Angueira xa que as súas obras de creación e investigación soamente nos proporcionan a derrota, a ruta, o camiño pero non nos dan noticia do camiñante. Por esta razón dou por descontado as grandes tarefas investigadoras e docentes e quero afanarme en trazar o perfil ético do novo académico tendo en conta que se pode ter fama de escritor sen ter escrito un libro importante e todos sabemos que os premios, que tamén abondan na traxectoria de Angueira, non fan a ninguén mellor persoa ou mellor escritor.

O nomeamento de Anxo Angueira como académico numerario da Real Academia Galega é unha distinción singular porque non é un premio, trátase dun recoñecemento que indica que o que representan a súa obra e a súa vida son valores importantes para a construción do país, responsabilidade última, non sempre asumida, coa que naceu a institución outorgante, a RAG, en 1906.

Coidamos que a expresión que mellor define a personalidade do novo académico e que está dotada de capacidade para caracterizar a súa vida e a súa obra, é lealdade ética. Somos eticamente leais cando nos orientamos por argumentos e principios que fomentan a honestidade, a responsabilidade e o compromiso social. Soamente deste xeito estaremos nun proceso histórico conducente á dignidade humana, un proceso lento e interminable que nos esixe conquistalo cada día.

Remo et aura, Anxo Angueira Viturro, navega pola ría na súa humilde dorna Roxiña labrando e escribindo na auga, como diría José Emilio Pacheco, na procura dunha patria que necesita das nosas mans e dos nosos corazóns.

*Nota final: Angueira non é galáctico (nin do Real Madrid nin da editorial Galaxia, si do Celta, por suposto) nin compostelán (nin do ILG nin do CCG nin da USC). Pero é da estirpe de Ferrín. Beizóns.

Suscríbete para seguir leyendo