Opinión | TRIBUNA LIBRE

Alba Forno Crespo*

Todo vale “ata que gañen”

Temos unha dereita capaz de todo con tal de permanecer ou de volver ao poder. Un poder que pensan que lles corresponde a pesar de que as urnas digan o contrario. Non teñen convencemento democrático e iso lévalles a actuar así.

En Galicia sabemos ben o que comporta o “matonismo” do PP de Feijóo. Basta con lembrar a campaña das autonómicas de 2009 contra o bipartito. Para moitos esa foi a primeira campaña dos bulos e a desinformación. Podemos recordar tamén o proceso contra Besteiro, que o mantivo fóra da política sete anos a causa dunha denuncia falsa e sen fundamento de Elana Candia, que agora é premiada coa vicepresidencia da Xunta.

Lalín non foi unha excepción. O PP de Crespo fixo irrespirable o ambiente político local durante os seus 4 anos na oposición. O acoso e o bloqueo ao goberno cadripartito presidido por Cuíña foi constante. Nin ápice de construtividade. Nin a máis mínima intención de buscar o consenso polo ben de Lalín. Ou Crespo ou o caos.

Non dubidaron en influír na Xunta para atrasar proxectos coma o CIS. Tampouco en apoiarse nun tránsfuga que insultaba e sinalaba publicamente a empresas, a xornalistas ou a calquera veciño ou veciña que simpatizase co equipo de goberno e que acabou sendo condenado por inxurias.

Por suposto, todas e todos lembramos as denuncias do PP e Crespo contra concelleiros. Denuncias que fixeron moito dano e que quedaron en nada. A difamación permanente no ámbito persoal e familiar... O seu esforzo por sementar a dúbida sen importarlle o sufrimento de quen antes é persoa ca político.

O Partido Popular volveu á Alcaldía, pero os seus insultos e faltas de respeto á oposición, especialmente aos socialistas, seguen. Non por ser quen somos, senón por defender unhas ideas opostas ás súas.

Estamos nun momento de cambio e necesitamos gobernos serios e responsables. Hoxe, España é exemplo para o mundo, as súas políticas marcan o paso en Europa. Diante, a nada, o balbordo, a necidade, o ruído.

Por todo isto, eu hoxe estou máis ca nunca do lado da democracia e do diálogo. Do lado da xente. Da xente boa e firme, do lado bo da historia. Eu hoxe, máis ca nunca, estou con Pedro Sánchez. Ánimo presidente. Nin un paso atrás.

*Secretaria Xeral do PSdeG-PSOE de Lalín