Opinión | tRIBUNA LIBRE

Ariadna Fernández González*

As distintas caras do lobo

Sendo dunha aldea de poucos veciños e moito monte, o rural é parte nosa, é familia. Persistimos por el e el por nós. A imaxe de pertencer a este ecosistema revalorizouse, colleu fachenda aquel que antes andaba coa orella baixada, vencellado á nada e, con esta nova concepción do rural galego chegou outra, a da gandería.

Lembro cando os luns na escola, a mestra preguntaba que fixeramos a fin de semana. Uns foran á casa dos avós, outros a un piso na costa, outros estiveran a xogar no parque ou foran ver o partido da súa equipa. Eu inventaba, era experta, mentira todo. Facía sempre o mesmo, erguíame e almorzaba leite con sopas de pan e saía fóra, na procura de miña nai. Polas doce da mañá levabamos as vacas ao prado. O que ía diante chamaba por elas e o que ía atrás afaláballes. Nos traxectos longos eu ía no carramelo de miña nai.

Sentabamos no carril un anaco, agardando que acougaran e daquela volviamos. Pasabamos o cepillo polo establo, lavabamos con auga e meu pai carrexaba silo. As vacas comen día e noite, teñen no estómago unha caldeira que produce enerxía para dar leite, palabras roubadas dun profesor meu de veterinaria. Logo xantabamos, cheirabamos a vaca diario.

Á tardiña volviamos por elas. As máis espelidas tiñan a hora calculada e eran as primeiras en coller camiño. Prendiámolas e iamos a herba. Meu pai segaba e nós as tres angazabamos. Antes de poder andar entre as vacas á hora de muxir, eu adicábame a lavar os caldeiros e as máquinas subida nunha caixa de gaseosas laranxa para chegar á pía. Era moi pequena.

Eso facíase nas aldeas cando a depredación aínda non chegara, ou non a queriamos ver. O único depredador que coñecía era o lobo, de escoitar falar del. Eu nunca o vin. Vin corvos, anduriñas, xabaríns bastos coma os pelos, curuxas, corzos a chimpos, porcos teixos, máis ao lobo non. Nin cando ía coas vacas, nin cando paseabamos polo Val do Boi, nin cando ía no tractor... Nunca o vin en 36 anos.

Vin chegar xurros de dubidosa procedencia a carón de regatos, vin plantar eucaliptos, vin arder o monte... Temín que un proxecto eólico arrasara o agro, souben que o xabarín deitaba ferrados de canas de millo e vin como o minifundio nos enlenteceu. Vin a meus pais abrirlle ao tanque do leite cara o chan, na folga polos prezos do produto, vin vender becerros por menos de trinta euros e andei para pechar fincas con pastores para que o porco non entrara.

O que nunca vin foi o lobo, máis igual o lobo ten outras caras. Pode que veña vestido de traxe, en bo coche, con disfrazadas intencións, pode que o lobo viva dentro dunha casa.

Cando non había camiño bo para chegar á nosa aldea só tiñamos os lobos do monte, con eses sempre convivimos e confío en seguilo facendo. Cos outros, coidado, agora os camiños son mellores e chegan a todas as partes.

*Veterinaria, concelleira do BNG en Lalín e deputada en Santiago