Esta é a única palabra que se me ocorre para describir unha situación que leva tempo a afectarnos aos vilagarciáns: o prezo abusivo do bus urbano.

Non abondaba con que un servizo que debería ser realmente “público”, utilizado por unha boa parte da cidadanía, custase moito máis cós seus equivalentes en cidades galegas moito máis grandes e poboadas (o billete está a un euro en Santiago e a oitenta e cinco céntimos en Ourense).

O custo das viaxes, a 1,20, acaba de dispararse a 1,50, xusto no peor momento posible, dada a grave crise económica derivada da pandemia que sufrimos. Parece que non interesa en absoluto recoñecer a realidade, nin o feito de que moitas persoas maiores dependen deste transporte a diario para os seus desprazamentos básicos.

Ante esta situación, cabería preguntar ao Concello cal é a súa opinión sobre este problema, e se pensa tomar algún tipo de medida ao respecto. Onde está nestes momentos a oposición política a nivel municipal? Son estes casos, os que afectan ás vidas cotiás de todos os que requiren respostas eficaces e rápidas, e non silencios persistentes ou meras declaracións de intencións.