Esta frase, de “arrimar o ombreiro,” utilízase con frecuencia en moitos ámbitos, faise sobre todo cando pasa algunha desgracia, necesidade ou crise que resolver.

É cousa difícil isto de arrimar o ombreiro, pois como non temos os ombreiros á mesma altura sempre algún queda por debaixo do outro... E, por ende, ós máis altos cústalles moito arrimar porque teñen que agacharse á altura dos pequenos. Entón os que teñen que arrimar máis porque son máis fortes, por desgracia, son os que menos arriman.

Deixando a metáfora a un lado, observei o outro día como no Parlamento o presidente do Goberno pedíalle o líder da oposición que arrimara o ombreiro, e el contestáballe que se fora. Esta oposición nunca foi moi amiga de arrimar. Non quero ser mal pensado, pero quizais queren reservar os ombreiros para cargar coas sacas da riqueza e dos beneficios... E así, canta máis crise máis ricos; e, en consecuencia, máis pobres. Están para ver se pillan algo das eléctricas e da banca... Por certo eses son moi altos, e non poden baixar os ombreiros (léase os beneficios) para arrimar. Porque ser solidarios é cuestión de humanismo, claro.

É unha vergoña ver o exemplo que nos dan moitos políticos. Só se preocupan de manter o escano. Dámoslles os votos, e logo esquécense de nós. Isto indica a pouca clase que están a ter. Non hai madurez nin sentido do Estado e si desprezo da ética.

Por certo, parece que o século XXI ía a ser o século da ética. Eu pediríalle a eses políticos que profundan un pouco nela. Ética e filosofía política. Un bo título e unha gran filósofa, Adela Cortina. A ver se non deixan esa materia pendente...