Sen Charlie Parker tocando cun saxofón de plástico prestado, se nesa mesma noite Rocky Marciano e J. J. Walcott non tiveran disputado o título mundial dos pesos pesados –o público e os músicos ían e viñan sen orde do bar máis próximo, para ver o avance do combate–, tería soado igual, tería a mesma relevancia histórica o Jazz at Massey Hall?

Aquel concerto do 15 de maio de 1953 en Toronto (Canadá) deixou nun álbum en directo a conquista da New Jazz Society, que foi quen de reunir aos cinco mellores do bebop: Dizzy Gillespie (trompeta), Bud Powell (piano), Max Roach (batería), Charles Mingus (contrabaixo) e mais Charlie Parker (saxo). En 1973, Keith Jarrett ofrecía un concerto en solitario en Lausana (Suíza), e de súpeto sentiu que a improvisación o abandoara. Ergueuse do piano, achegouse ao límite do escenario e preguntou ao público se había algún pianista entre eles para que tocara no seu lugar, porque non se lle ocorría nada. Tempo antes, estudando aínda no Berklee College of Boston, un profesor viu como manipulaba as cordas do interior do piano para explorar outras formas de son. “Fóra de aquí!”, berroulle o docente. Jarrett respostou “moitas grazas” e marchou. Anos despois, aquel mestre achegouse a el tras un concerto en Newport (California) para lle pedir perdón. “Non diga iso. A miña reputación está construida naquilo”.

Os imprevistos e a improvisación son catalizadores do jazz e doutras músicas de vangarda. Son os químicos fundamentais da expresión en liberdade. En Galicia, o pasado mes de setembro, 17 interprétes de distintas disciplinas reuníronse no Teatro Principal de Compostela para tocar sen apriorismos, sen partituras, do xeito máis libre, expoñendo a música improvisada no momento, composta a tempo real, seguindo os sinais do director. O resultado quedou capturado nun disco. A Orquestra Galega de Liberación ten álbum no mercado.

O impulsor e director da iniciativa é o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo, líder do seu propio trío e participante doutras formacións amplamente recoñecidas como Sumrrá, cuxo percusionista, LAR Legido, tamén colabora neste proxecto colectivo. A idea en torno á que se reuniron os dezasete intérpretes heteroxéneos, que proveñen do jazz, a clásica, a vangarda e a performance, era a busca de novas formas de creación espontánea, tomando a improvisación como fonte de investigación. O disco está estruturado en dez temas e toda a música do concerto de Compostela foi improvisada no momento e composta a tempo real, mediante técnicas de improvisación dirixida. “Ningún material viña pactado, aprendido, ou composto previamente. O noso primeiro disco é o concerto íntegro de principio a fin”, explica Xacobe Martínez.

Xacobe Martínez, o impulsor e director: "É un proxecto creativo e sen límites, vivo e enerxético. Conta cos máis representativos dos músicos profesionais adicados á improvisación en Galicia"

Os músicos participantes no proxecto. // IVÁN BARREIRO

A “estrea absoluta mundial” da orquestra foi aquel concerto de setembro de 2020. Este primeiro álbum recolle o directo na totalidade. Hai uns vinte anos, “coñecín estas técnicas de improvisación dirixida e cambiáronme a vida. Como músico foi unha liberación, de aí tamén o nome da orquestra. Despois tiven a oportunidade de facer este tipo de técnicas con actores, con rapaces de Primaria e Secundaria, con persoas con capacidades diversas, con músicos de banda... Tiña moitas gañas de aplicar, con músicos improvisadores, iso que levaba facendo e que me tiña totalmente entusiasmado: esas formas de xerar música da nada. Fixen un dream team con músicos moi talentosos de clásica, contemporánea, jazz, performance ou rock. O resultado é moi bo grazas a eles. Todos teñen unha gran bagaxe na improvisación e un nivel tremendo de compromiso, excelencia, execución e entrega”, indica o impulsor da iniciativa.

Hai vontade de que continúe. “A idea é que o proxecto nace para se manter en activo na medida do posible. Dependerá dos apoios que poidamos obter, tanto privados como públicos, así como do nivel de contratación. A sintonía da orquestra é a de continuar. Estamos absolutamente satisfeitos do resultado e estamos traballando para que haxa máis concertos e oportunidades”.

Xose Miguélez (saxo): "O director fai uns sinais, aprendes o significado e respostas. Algúns significan que todos os músicos deben parar, ou que tes que usar o instrumento dun xeito pouco convencional, ou crear percusión con el, ou facer algo coa voz..."

Os músicos executan unha ou outra resposta seguindo os sinais de Xacobe Martínez. // IVÁN BARREIRO

“Creativamente non ten límite”

En varios países existen orquestras de improvisación dirixida. “En Francia, por exemplo, hai varias estables institucionais, con participación de orzamentos públicos. Ensembles grandes de improvisación aquí, que eu saiba, hai anos estaba a orquestra Omega, vinculada á sala Nasa. De feito, xente que estabamos en Omega integramos agora mesmo a Orquestra Galega de Liberación. Son optimista e considero que este é un proxecto que merece todo o percorrido que poida ter. Creativamente non ten límites, é vivo e enerxético, e conta cos máis representativos dos músicos profesionais adicados á improvisación en Galicia”, explica Xacobe Martínez.

A portada do disco.

Un deles é o saxofonista ourensán de jazz Xose Miguélez. “O proxecto está baseado na técnica do soundpainting. O director fai unha serie de sinais, aprendes o significado e vas respostando. Por exemplo, un sinal coas mans cos catro dedos entrelazados significa que entran diferentes instrumentos á vez. Hai sinais que significan que un ten que quedar só, ou que en determinados momentos todos os músicos deben parar, ou que tes que usar o instrumento dun xeito pouco convencional, ou crear percusión con el, ou deixalo e facer algo coa voz ou o corpo, ou levantarte da cadeira... El vai creando en tempo real diferentes texturas e sensacións musicais. Con dous días intensivos de ensaio, empezamos a dominar uns cen sinais. Foi un concerto moi divertido e diferente, con moi boa aceptación do público”. O disco gravou a liberdade.