Alumnado do CEIP de Rubiáns, un dos colexios participantes, durante a conferencia formativa. | // FDV

A produción diaria dun xornal é unha tarefa complexa na que distintos departamentos teñen que cumprir o seu obxectivo, perfectamente coordinados, para que todo funcione e ao final do día as noticias estean listas nas súas páxinas para poder imprimilo e que a primeira hora da mañá o xornal chegue aos puntos de venda, listo para ser lido. Encargados da previsión das páxinas diarias, maquetadores, infógrafos, redactores, fotógrafos..., son moitos os e as protagonistas: unha cadea adestrada para afrontar a preparación dun xornal diario. Os pequenos xornalistas do proxecto de xornalismo escolar FARO DA ESCOLA teñen unha importante misión: facer o seu propio xornal. Iso si, un só xornal por colexio e co mes de xuño de prazo. Na formación impartida por responsables dos distintos departamentos do FARO DE VIGO escolares e mestres dos centros participantes en FARO DA ESCOLA recolleron algunhas pistas para a elaboración do xornal do seu cole. Lembramos algunhas:

Información próxima.

Ter en conta o que pasa no noso colexio, no noso barrio, na nosa cidade... Bruno Rodríguez, un dos coordinadores do proxecto FARO DA ESCOLA, expresou na charla que é moi importante fixarse no que acontece na nosa contorna. Ese será un bo escenario para posibles noticias que poidan recollerse no xornal do colexio.

Buscar na hemeroteca do FARO.

Cada colexio participante no proxecto de xornalismo escolar ten acceso á hemeroteca do FARO. Nese espazo virtual poden atoparse novas de hai moito tempo, ideal para buscar documentación de calquera tema que o alumnado elixa para o seu xornal e precise investigar. Para ir máis alá das noticias próximas esta é unha boa opción. Dende o Servizo de Documentación e Hemeroteca,Hilda Gómez explicou como buscar noticias no apartado dixital.

Serán 32 páxinas.

Aínda que o FARO diario ten máis páxinas, como explicou na formación Tania Blanco, o alumnado do FARO DA ESCOLA terá que elaborar un xornal de 32 páxinas. “Por unha cuestión da impresión na rotativa o número de páxinas ha de ser múltiplo de oito”, apuntou Blanco.

Que podo contar?

“O noso oficio consiste en contar cousas que interesen aos lectores/as. Sempre con sinxeleza e orixinalidade”, comentou Benigno de la Torre, redactor xefe no FARO. Aconsellou aos colexios pensar na regra das ‘5 Whs’, as preguntas que hai que facerse para poder contar unha noticia. Who, what, when, where, why: Quen, que, cando, onde e por que. Benigno tamén contou ao alumnado do proxecto anécdotas curiosas sobre noticias cubertas por FARO nas últimas décadas.

E as maquetas?

Unha vez elixido o tema sobre o que se quere escribir hai que escoller a maqueta (a forma da páxina): levará varias fotos ou unha soa? un titular grande de noticia ou un titular pequeno de reportaxe? podemos incorporar unha infografía para explicar o tema? O xefe de Maquetación do FARO, Quico Freire, explicou na formación do proxecto como se deseñan as maquetas en función do que o/a xornalista quere escribir e tamén das fotos que achegan os/as fotógrafos sobre dita nova. Os colexios que participan no FARO DA ESCOLA empregan o programa Scribus e a través DESTA PÁXINA poden escoller as maquetas que desexen para elaborar a noticia.

En tempo real.

Non hai moito tempo que existe a versión dixital dos periódicos. Antes de internet había que agardar ao día seguinte para ler as noticias no papel, algo que sorprende aos máis pequenos e pequenas. Hoxe conviven os dous formatos. Alba Chao, da edición dixital (www.farodevigo.es), explicou ao alumnado como se contan as novas en tempo real. “É fundamental contrastar as informacións, no dixital e no papel”, apuntou, como máxima.

ACCEDE Á CHARLA INFORMATIVA:

Detalles de hemeroteca de FARO.

A historia a través dos xornais na hemeroteca

Hilda Gómez explicou ao alumnado como se conservan os xornais, tendo en conta que o FARO é o diario decano da prensa do país: 168 anos. O arquivo está dixitalizado.

Os números antigos do xornal agochan "verdadeiros tesouros" tanto dende o punto de vista informativo, como dende a fotografía, a ilustración e as viñetas, segundo Gómez.

Detalles de portadas.

Datas para lembrar pola forza informativa

Quico Freire, xefe de Maquetación, puxo varios exemplos ao alumnado para montar unha páxina. Lembra especialmente a caída das torres xemelgas en EEUU en 2001.

O alumnado do proxecto de xornalismo escolar ten á súa disposición distintos tipos de maquetas para elaborar o seu propio xornal a través do programa Scribus.