Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A táboa de salvación de Xela Arias

Na primeira fila, de esquerda á dereita, os alumnos Xela Álvarez Fernández, Comba Moo Rodríguez, Carlos Xavier Aguilera Pacheco e Gabriel Rodríguez Soto e a directora do CEIP Sárdoma-Moledo, Pilar Vila Nieto. Na fila detrás, no mesmo sentido, Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, Xoán Arias Castaño, Amparo Castaño (nai de Xela Arias), a académica Fina Casalderrey, Darío Gil Arias (fillo de Xela Arias) e Marcos e Lois Arias Castaño (irmáns de Xela Arias). / Alba Villar

2021 é o ano para recuperar ou descubrir a figura de Xela Arias, poeta, tradutora e profesora, a quen a Real Academia adica este ano o Día Das Letras Galegas. Nas vésperas do 8-M, arrincou en Vigo, no colexio onde estudou, os actos de celebración coa presentación da Primavera das Letras, coa que se pretende divulgar a obra de Xela Arias entre os máis mozos e nenos.

Un anaco dun dos seus poemas para abrir apetito na antesala do Día da Muller Traballadora: “Nada novo, inmaculada Rosalía./ Tal sempre mulleres confinadas na construción/ doutros,/comprendes:/revólveseche a arma contra ti”.

E por que escribía poesía Xela Arias? Ela mesmo o contaba: “Se me declaro inconforme co mundo, se me declaro contraditoria e filla das miñas contradicións (…) a poesía convérteseme nunha táboa de salvación no naufraxio das razóns estritas. Necesidade que xorde da urxencia por entende-lo humano contraposto, pero tamén, e quizais antes, do descontento coa orde establecida, calquera que sexa”.

Para Xela Arias, “a poesía non é literatura, é outra cousa”: “É un pasquín porque encerra tamén verdadeiras bombas de contido; o poeta, ser que como tal se sabe ás marxes da mercadotecnia, da industria do momento, é un dos poucos miradoiros libres que ten a sociedade. Un miradoiro libre desde o que a sociedade deixa unha fenda para a subversión, para a creación desde ela dun microcosmos de revolución afectiva”.

O seu fillo Darío Gil, a quen Xela Arias adicou un libro (Darío a diario) e quen participou no acto de onte no CEIP Sárdoma-Moledo, gústalle reinvidicar a faceta da súa nai como mestra: “Son os profesores os que moitas veces fan que a cultura penetre nos rapaces e, deste xeito, non só no se perda senón que se comece a recuperar, como estamos a ver agora cos neofalantes”. O presidente da RAG, Víctor Freixanes, explicou a aposta da institución que preside para ensinar a obra de Arias entre as novas xeracións: “Son unha sementeira de esperanza” para o galego.

Na web primaveradasletras.gal, os mestres poderán atopar recursos lúdicos, didácticos, descargables e interactivos para achegar a poesía de Xela Arias, que de estar viva mañá cumpriría 58 anos.

"Rompeu co discurso dominante e quixo levar a poesía á rúa"

María Xosé Nogueira - Profesora e crítica literaria

decoration

“Xela Arias rompeu co discurso dominante. Fixo poesía urbana e quixo levala á rúa. Anticipa a poesía, as actitudes e as consignas das xeracións dos anos 90. Estivo aí, a pé de rúa, poñendo o verso ao servizo de causas diversas” di Nogueira, que reuniu a obra poética de Xela Arias.

"Constrúe unha poética da insubmisión"

Ana Romaní - Académica da RAG

decoration

“Xela Arias constrúe un universo moi persoal, unha poética da insubmisión, do coñecemento, da desobediencia. Sen colectivos que a aperten, sen abrigos que a sometan. Consciente do lugar, do idioma, do xénero, da nación, acaso talvez tamén da derrota”, suliña Ana Romaní.

"Como tradutora foi clave para construir unha lingua literaria"

Marilar Aleixandre - Membro de número da RAG

decoration

“En Xela Arias a RAG recoñece a poeta, a activista comprometida, e así mesmo a tradutora, exercendo un labor pioneiro e crucial na construción dunha lingua literaria. Versións de excelencia, ao ser unha excelente prosista”, apunta Marilar Aleixandre.

"Loitou polas mulleres, o galego, contra a guerra de Iraq"

Amparo Castaño - Nai de Xela Arias

decoration

“As inxustizas poñíana enferma. Foi sempre unha loitadora. Loitou polas mulleres, polo galego, pola xente sen recursos, contra a guerra de Iraq... E tamén foi loitadora como profesora. Sabía facerse cargo dos rapaces rebeldes”, relata a su nai, Amparo Castaño, na web da RAG.

Compartir el artículo

stats