“Somos unha nova clase de proletariado [o dixital] sen dereito laboral ningún e sen teóricos revolucionarios que preparen a nosa liberación. Na transmisión permanente a través dos teléfonos móbiles convertímolo en soporte e código pero ó percibir a realidade así recibimos unha realidade incompleta”. Esta foi a advertencia que realizou onte o xornalista da TVG e ensaísta Lois Oreiro no Club FARO, presentado polo tamén xornalista e escritor Álvaro Otero.

Oreiro engadiu que se nos empuxa a “transmitir mesmo sen comunicar nada” e alertou de que “están modificando as nosas habilidades e actitudes para adaptarnos ó trebello que utilizamos. Clicamos sen parar datos persoais e patróns que están alimentando, perfeccionando o algoritmo. Traballamos de balde para o proveedor. Traballamos en festivos, á hora de comer, pola noite pensando que estamos xogando, comunicándonos, facendo cousas polo noso oficio pero realmente estamos mellorando esa aplicación que crece e crece”.

O xornalista aproveitou a súa presenza no Club FARO para presentar o seu último libro, “Os mundos de agora” (Galaxia) que foi louvado por Álvaro Otero –quen plantexou pensar se pdemos ou non baixarnos do zeppelin tecnolóxico– así como por Xavier Alcalá, este último mediante mensaxe en pantalla xa que un problema familiar lle impediu a súa participación no acto.

Lois Oreiro lembrou tamén na conferencia que “a presenza física é a nosa maneira de estar no mundo” e fixo fincapé no importante que se fixo para nós nesta crise do coronavirus: “É demasiado sinxelo ver na pandemia un apremio para a dixitalización. Esta xa comezara antes e ía a bo ritmo. O que botamos de menos, o que máis se revalorizou durante a pandemia foi a presenza física”.

Unha parte importante da súa intervención foi dedicada a facer reflexionar sobre os servizos de balde das empresas tecnolóxicas. Oreiro facilitou un símil para comprender os riscos de recibir aparentemente cousas gratis. “O rato cando cae na trampa entra na rateira convencido de que o queixo que lle puxeron é a cambio de nada. O gando come o penso no pesebre porque coida que llo dan por que si. Igual nós no 2021 deberiamos pensar quen nos pon diante o queixo e o penso de balde. Quen son? Os amos da nova economía que ten nos nosos datos o principal factor de produción”, explicou.

“Algúns autores, engadiu, denomínana a economía da atención porque é o que cultivan. Aparentemente, din que buscan axudar á xente pero o fin da maioría deses xigantes é a publicidade para gañar cartos. Exércitos de tecnólogos, de enxeñeiros, adican moitísimas horas do día a buscar a maneira para que teñamos a vista presa na pantalla un segundo máis, un minuto máis. E conségueno ata o punto de que non nos lamentamos do tempo que perdemos ante ese xogo, ese programa,cando queriamos facer algo importante. Hai tecnoloxía que xa nos di que facer”.

Tamén fixo referencia no Club FARO ao igual ca no libro ao transhumanismo (cando os humanos levan implantes nunha alianza coa intelixencia artificial e as máquinas). Ao respecto, falou sobre a espiritualidade tecnolóxica que fala de “perfeccionar os nosos corpos para adaptalos para transmitir. Para perfeccionar ese corpo, eu creo que a sorpesa final non vai ser unha pantalla senón un modelo separado en pezas unhas para levalas postas e outras para levalas por fóra por saúde e polo traballo”.

Segundo o seu punto de vista,“os implantes sanitarios iranse introducindo axiña nos nosos corpos e os laborais tamén para interactuar con máquinas. Imos empezar a levalos xa por fóra e por dentro. Non digo que estea mal pero hai que falalo. Ningún pode ser máis experto en ti ca ti mesmo. Hai que ser conscientes dos cambios e estar atentos. Deben adaptar a tecnoloxía a nós e non nós a ela”.

Na obra, é cautivadora a súa reflexión sobre o SARS-CoV-2: “Non fixo estrañar o social, o que se estrañou foi a retransmisión do social”.

Un xornalista da Costa da Morte con alma de poeta e de ensaísta co galego como amor

Lois Oreiro Serrano naceu en Zas (A Coruña) no ano 1966. De mozo, decidiu estudar xornalismo para o que fixo maleta e mochila para cursalo na Universidad Complutense de Madrid. Na actualidade, traballa na TVG pero tamén foi condutor dos informativos de Correo TV e ten publicado traballos en La Opinión de A Coruña, Diario de Pontevedra, Xornal de Galicia e mesmo na revista “Grial”. Autodeclarado galeguista, vén de publicar o libro “Os mundos de agora” pero con anterioridade sacou do prelo “Xallas. Teoría da existencia” e “Uns ós outros”. No primeiro, o río tiña un gran protagonistmo así como a diglosia do galego e os conflitos entre as zonas urbanas e as rurais na Galicia. Coa obra “Uns ós outros” deixou o xénero do ensaio para expresarse na poesía, “o xénero perfecto” como a definiu cando saiu publicado o libro ao tempo que recoñecía que era o xénero menos lido. “Téñense que publicar libros de poesía aínda que non sexan bestsellers. Ten que haber de todo e a poesía non resta, enriquece”, engadiu nunha entrevista. Agora, co ensaio “Os mundos de agora”, inaugura a colección Hoxe é hoxe da Editorial Galaxia dedicada ás novas tecnoloxías no mundo. Na obra, fala da presenza dixitalizada, de como nos convertemos en presos das pantallas e dos datos de noso.