MONTSE DOPICO

Non había no Estado español ningún festival de webseries ata que se creou o Carballo Interplay, cuxa primeira edición celébrase do 24 ao 27 de abril. Será, segundo explica a súa directora, Sonia Méndez, un "espazo de comunicación e intercambio entre creadores e creadoras e co público". Na actualidade, as series emitidas por internet consolidáronse como alternativa de entretemento e como "medio de expresión das súas ideas", e de novas narrativas, para os seus impulsores, que gañan liberdade ao non depender das canles de produción e distribución tradicionais e ao ter a posibilidade de desenvolver o seu traballo con orzamentos moito máis axustados.

Mais, tal como salienta Méndez, a serie web non é "a irmá pequena" da serie para televisión, do mesmo xeito que a curtametraxe non o é ao respecto da longametraxe. "Non hai límites de temática, de xénero, de target, de formato€", indica. Hoxe hai webseries de animación e de imaxe real, documentais, interactivas... Mais non era así, en Galicia, cando a propia Sonia Méndez e Sandra Lesta comezaron con Angélica y Roberta. "Foi case como empezar de nada, pero pouco a pouco fomos formándonos, coñecendo xente€ Era unha oportunidade para controlar nós todo o proceso. Podiamos facer o que quixeramos, emitilo nós a través de internet€", conta.

Na programación do Carballo Interplay poden atoparse, ademais, algunhas pistas sobre as tendencias últimas das series web galegas. Desde o documental, como en Palabras secretas, -sobre os remedios da medicina tradicional-, ata a animación, en Un sitio distinto, -arredor dun pobo, o seu alcalde e os seus veciños-, pasando polo thriller -como Fame-, o policial -El Quid-, e os diversos rexistros da comedia. Dos tan filosóficos e á vez cotiáns debates de Xúlio Abonjo e Luís Zahera en Entre pipas ás terapéuticas confesións a unha escultura dun mozo inadaptado en Conversas con Cunqueiro, ou os didácticos consellos para a vida real de Clases de lo social, ata as máis atravesadas e se cadra catárquicas Haz el amor y después de la videoguerra -sobre trapos suxos de parella que se lavan ante a cámara-; Poetarras, -sobre un colectivo "arterrorístico"- ou El viudo quiere mimos -arredor dun mozo que tenta recuperarse da morte da súa compañeira-.

Os premios Mestre Mateo contan cunha categoría de series web na que este ano foron preseleccionadas, ademais das xa citadas Clases de lo social, Conversas con Cunqueiro, El Quid, Entre pipas e El viudo quiere mimos, unha produción que se achega ao documental de viaxes como Hay que andar, unha serie de época como Canillejas, unha parodia da postureo e a hipocrisía do mundo do audiovisual como Joke business ou unha comedia louca como Jolideis, con puntos de conexión con Angélica y Roberta. Aínda que, de falar de series pioneiras que deixaron ronsel, non habería que esquecer tampouco outras como Non saímos do lixo, exemplo de retranca arredor dos tópicos sobre a identidade galega e a situación da nosa lingua e cultura, ou Amores prohibidos 2.0 de Chévere, experimento de teatro na rede.

Mais cada vez hai máis series web e non é doado escoller as mellores. As Also Sisters son as responsables de Ignoto, na que poden verse episodios de xeito interactivo. Te quiero, pero... é unha produción das máis populares, como, Para mariñeiros, nós, que pasou da rede á televisión. Mar por dentro é unha serie documental sobre natureza, Gran compadre é unha parodia dos reality shows e Corruptela trata a corrupción nos concellos galegos. No último Culturgal presentouse PIB, ademais doutras xa mencionadas. No portal Petitsodios poden localizarse parte destas e moitas outras, como El comemierda.

O Interplay de Carballo está pensando "para crear ambiente de festival", sinala Sonia Méndez. Haberá conferencias pola mañá, proxeccións pola tarde e concertos á noite. O venres 25 unha mesa redonda con David Sainz e Teresa Segura (Different Entertainment), Felipe G. Gil (Embed) e a guionista Lidia Fraga analizará as novas narrativas audiovisuais na web. Sainz e Segura realizarán tamén a estrea do novo capítulo da serie Malviviendo. O sábado 26 haberá unha master class impartida por Roger Casas, na que se falará de novos modelos de financiamento ou de marcas que precisan novos espazos para dar a coñecer os seus produtos.

O mesmo día o colectivo Embed (Felipe G. Gil e María Yáñez) estreará en Galicia o Código Fuente Audiovisual, unha mestura de conferencia e proxección onde Xosé Touriñán fará unha "videocontada" sobre o imaxinario audiovisual proxectado desde o país. O venres presentarase tamén Freaklances Project, unha empresa xurdida a partir dunha webserie. E nesa mesma xornada estrearase Dos mas dos cinco, de Isabel Coll, financiada por crowdfunding. Están a abrirse, deste xeito, camiños para o financiamento deste tipo de produtos. "Se cadra non se pode vivir das series webs mais tampouco é fácil vivir de facer películas", lembra Méndez.