A Televisión de Galicia (TVG) estrea hoxe o programa de diálogo e cultura As Luces, en que persoas relevantes de diferentes ámbitos profesionais e culturais debatirán sobre cuestións que concirnen a sociedade galega. O formato, do que se emitirán trece capítulos, está producido pola canle pública e xira arredor dunha conversa sosegada entre dous persoeiros unidos por algún vínculo, unhas veces explítico e outras latente, que dará pé a un diálogo.

O escritor e xornalista Xosé Carlos Caneiro encargarase de presentar e dirixir este espazo de 45 minutos de duración que descubrirá facetas pouco coñecidas dos convidados, ao tempo que suscitará unha conversa con propósito divulgativo sobre os máis variados ámbitos de coñecemento.

Na primeira entrega, hoxe a partir das 00.30 horas, os protagonistas de As Luces serán Xosé Ramón Gayoso, presentador de Luar e avogado de formación, e Milagros Otero, Valedora do Pobo e catedrática de Dereito, que manterán unha conversa sobre cuestións polas que comparten interese e baseada nas súas propias experiencias profesionais e vitais.

Nas vindeiras semanas, o estudio da TVG recibirá profesionais de prestixio de distintos ámbitos como o cociñeiro Pepe Solla e a escritora Fina Casalderrey; o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, e a decana da Facultade de Matemáticas da USC, Victoria Otero; entre outros.