O 'Xabarín Club' está a piques de soprar as 25 veliñas. Será este 18 de abril. A CRTVG continúa coa celebración e lanza unha web onde se poden escoitar os vídeos musicais do Xabarín e que irá medrando no tempo con novos contidos.

Nesta ligazón recollerá todos os 'Xabaclips' da historia do programa, máis dun cento, entre os que se atopan iconas como 'Somos do clube da galega'; 'Que ghallo é!', de Herdeiros da Crus; 'Non todo é o que parece', de Aerolíneas Federales; 'A onde vas rapaz', de Siniestro Total; 'Xa vén o Xabarín', dos Diplomáticos de Monte Alto, e 'Estou na lavadora', de O Caimán do Río Tea.

Nesta ligazón tamén se poden escoitar as sintonías xa míticas das series favoritas do 'Xabarín Club', como 'As Bólas Máxicas', 'Doraemon', 'Shin Chan', 'Dragon Ball', 'Marco' e 'O Sarxento Keroro', entre outras moitas. A todos estes contidos tamén se pode acceder a través da nova canle de YouTube do programa.

Ademais, esta nova web pretende converterse nunha ferramenta de entretemento, xa que os máis pequenos da casa poderán ver á carta os seus debuxos animados favoritos, que estarán dispoñibles en HD na páxina web e tamén na app do Xabarín.

Desde este sitio, ademais, estará disponible o concerto de aniversario que se emitirá mañá xoves na TVG. Este recital xuntou na Sala Capitol de Santiago unha serie de grupos actuais, formados por músicos que medraron coas cancións máis míticas do programa, aqueles nenos que hoxe son adultos cun vínculo común: a Xeración Xabarín.

Triángulo de Amor Bizarro, Ataque Escampe, The Lákazans, Som Do Galpom, Dakidarría, Monoulious Dop, Escuchando Elefantes, Broken Peach e Fondo Norte son os encargados de versionar en directo as cancións, e estará con eles o Xabarín sempre atento a todo o que poida pasar.

A web incluirá as distintas postais da historia do programa e as Xabaxiras dos 25 ano de historia dun programa que marcou a varias xeracións.