Os Verto din adeus. Ou canda menos, deica logo. Tal e coma anunciaran en redes durante o verán, cando estaban involucrados na intensa xira de presentación do seu primeiro disco, Embora, o dúo colgou esta tarde unha breve mensaxe de despedida e un vídeo, que recolle imaxes dun concerto seu na praza da Quintana. "Esta é a última publicación nunha tempada. Grazas a todes por facernos sentir tan queridos Desfrutade do vídeo". O clip titúlase, precisamente, "Ata a próxima", o que tamén deixa a porta aberta a retomar o proxecto no futuro.

O dúo de pop electrónico compostelán Verto supuxo unha irrupción fulgurante no panorama musical galego. Unha manchea de cancións cunha produción máis ben modesta e subidas á rede pola súa conta en 2019 conectaron de súpeto coa xeración dos nacidos a finais dos 90 e comezos dos 2000. Eran temas de pop electrónico, con influencias de música urbana, funk, latina, que plasmaban a sensibilidade dunha época. Con letras en galego que falaban no mesmo idioma emocional que outros artistas nas mesmas coordenadas en todo o globo. Se Boyanka Kostova 'galeguizaron', con toneladas de retranca, o trap máis underground, os Verto entroncan coas derivacións máis mainstream do urbano.

Esa aparición, cociñada nas redes, empezou a coller corporeidade coa súa estrea en 'Luar', en xaneiro de 2020, e co seu primeiro EP, Puro ocio, lanzado en marzo dese ano. Se cadra a pandemia evitou que probasen en directo o seu nivel de popularidade. Tamén, como recoñeceron eles mesmos nunha entrevista recente con Praza, foi un período no que apareceron tensións entre os dous membros.

Así que tiveron que agardar a este verán, xa co larga duración Embora enriba da mesa, para colleitar o sementado. A resposta non puido ser máis abraiante, cunha chea de datas por todo o país, incluídos moitos dos grandes festivais, e algunhas incursións noutros puntos do Estado.

Nesa apoteose, no concerto na praza da Quintana do que colleron as imaxes para este vídeo de deica logo, anunciaron que paraban o proxecto. Ante a consternación do seu público, explicáronse nas redes uns días despois. Viñan a dicir que querían descansar e facer outras cousas, pero que non liquidaban Verto. "Tampouco estamos prometendo que vaiamos voltar", matizaban tamén. Habéra que esperar, pero de momento as redes volven clamar para que a súa estela non se apague para sempre.