"Formas no espazo e no tempo", homenaxe a Luis Torras

A Galería Montenegro de Vigo presenta a exposición Formas no espazo e no tempo

Vista da mostra que se está a expoñer na Galería Montenegro.

Elías Regueira

A Galería Montenegro de Vigo presenta, co título de Formas no espazo e no tempo, unha exposición en homenaxe a Luis Torras (1912-2024), artista vigués recentemente finado.

A mostra permite achegarse á construción estilística que foi elaborando o pintor na súa longa traxectoria vital, unha traxectoria que ten moito que ver con tendencias figurativas patentes no período da súa formación nos xa afastados anos trinta do pasado século. En concreto, o seu traballo hai que o pór en relación non só co mundo académico no cal se inicou senón tamén co ambiente da figuración europea de entreguerras que nos anos trinta acupaba os espazos expositivos e as publicacións daquela altura.

O medio en que se forma é o Madrid dos trinta, onde se trasladou con 23 anos, en 1935, para iniciar os estudos na Escuela de Bellas Artes de San Fernando. Porén, ao inicio da Guerra Civil, no verán de 1936, estaba de volta en Vigo pora gozar das vacacións escolares. Este feito vai provocar que sexa forzosamente incorporado ao exército franquista e como consecuencia dos combates ferido na fronte norte por dúas balas, unha delas cerca do cerebro, o que lle produciría de maneira permanente unha xordeira. Despois de ser licenciado do exército, en 1941, acabou os estudos de Belas Artes e obtivo o título de profesor de Debuxo, profesión que exercería, primeiro, en Madrid e máis tarde, dende 1954 en Vigo, na Escola de Artes e Oficios da rúa García Barbón, onde deixou unha importante pegada en varias xeracións viguesas.

Aínda que non libre de modulacións ao longo do tempo, a obra de Luis Torras combina silencio, estatismo e unha moi elaborada e precisa factura, o seu era un universo carente de excesos preciosistas, tan do noso presente, mais non por iso mesmo con menos sentido no mundo actual, xa que o artista sempre conseguiu penetrar en aspectos fundamentais da condición humana e reflexionar sobre o sentido profundo da existencia. Estamos perante unha pintura feita de silencios e envolvida nunha atmosfera conxelada, como era a pintura de Balthus e tamén a de Pancho Cossio, con que non poucas veces se ten posto en relación a súa estética, mais cunha intencionalidade e unhas coordenadas vitais e temáticas ben desemellantes.

Os temas da súa pintura: as paisaxes, as naturezas mortas e as figuras humanas estáticas, frecuentemente en estreita ligazón, permitiron ao artista reelaborar os xogos, os ollares, os movementos conxelados e tamén favoreceron o pormenorizado estudo compositivo que sen dúbida nos lembra escenas semellantes de interiores barrocos. O pintor vigués traballou cunha actitude de pureza ascética semellante a algúns dos grandes cultivadores da natureza morta; a semellanza non estaría só no tema senón na actitude, no rigor e no respecto pola economía material e a sólida esencialidade formal.

  • Títulos: Formas no espazo e no tempo
  • Artista: Luis Torras
  • Local: Galería Montenegro, Vigo
  • Desde o 19 de abril

Tradición e enigma

Como Balthus, Luis Torras utilizou unha linguaxe realista como negación da vida moderna, ao contrario do que realizaba, por exemplo Edward Hopper, o gran pintor realista americano, que a reflictía. Luis Torras sempre prefiriu e apostou polo diálogo coa tradición e polo enigma, cun ritualismo moi acentuado –véxanse as súas figuras humanas realizando labores cotiáns e situadas na paisaxe–. Torras, na súa procura estilística, acudía ás fontes clasicistas, aspecto fundamental para entender a construción e o equilibrio das súas paisaxes, escenas de figuras e naturezas mortas. Son obras que transmiten unha consciencia da condición moderna, nas cales percibimos que o clasicismo non é unha simple volta ao pasado senón unha reformulación do ideal clásico peneirado por unha percepción moi ligada valores de modernidade, diriamos que moi século XX, na liña da que realizou no seu momento, por exemplo, Daniel Vázquez Díaz.

Luis Torras analizaba as formas no espazo, na materia, no espírito e no tempo, revelando que o ilusorio da representación é unha construción cultural que pode dicir tanto da nosa concepción do mundo como a linguaxe máis complexa e elaborada.

Se nos achegamos ao conxunto da súa traxectoria, podemos observar como desde finais dos anos cincuenta e nos anos sesenta é cando se asentan os trazos máis salientábeis do seu estilo, como o xeito de se achegar á captación lumínica que semella xurdir dos obxectos, dando a sensación de estes posuíren unha propia fonte de luz; outra característica é a utilización de estruturas esquemáticas sobre fondo branco.

Esta técnica é a que dota a representación dun ar de atemporalidade e levidade, nun ámbito liminar como se a vida fose captada en suspensión, que nas obras de intensa presenza dos obxectos -como as naturezas mortas- adquiren unha intensidade emotiva ben forte.

Os obxectos representados na pintura de Luis Torras son, polo tanto, concrecións do visíbel, mais non do real, e para a súa realización o pintor era consciente de que o visíbel comeza coa luz e que o cadro debe iluminar no duplo sentido de permitir a representación e de revelar, un sentido ben profundo que fica alén da simple reprodución dunha determinada figura, paisaxe ou obxecto.

Suscríbete para seguir leyendo