Hai uns días, unha nena galega de tres anos deixou co cú ao aire, sen pretendelo, a Siri, a voz da intelixencia artificial de Apple. A pequena Moraima interpeloulle en galego, pero o aparato non entendía o que lle dicía. O vídeo fíxose viral e destapou as lagoas que amosan as novas tecnoloxías, neste caso mermando a difusión da lingua de Galicia.

A competidora mais popular de Siri é Alexa, a asistente virtual de Amazon, e dende FARO tentamos comprobar a onde chega o entendemento desta altofalante intelixente co idioma de Castelao.

Para este experimento mantivemos unha conversa con ela que recolle o vídeo que ilustra este artigo. Primeiro con cuestións en castelán. Preguntámoslle se falaba galego, pero mallamos en ferro frío. Con todo, cando lle fixemos algunhas preguntas mundanas ou sobre cultura xeral enunciadas en galego, a cousa cambiou: Que día vai facer hoxe? Como se chama o presidente da Xunta? Sabes que é un carballo? Onde naceu Rosalía de Castro?

E vós... pensades que Alexa aprobou o noso exame?