Todo comezou en Chantada. Aló, no corazón do país, reuníronse un fato de moz@s hai agora 20 anos no Cabaleiro de Viana para celebrar o particular Banquete de Conxo do rock galego. Entre carnes, viños e licores -e ao socairo do primeiro Castañazo Rock- o rock Bravú autoetiquetouse co que estourou de vez unha realidade que viña fermentando en cortes, alboios e rochos diversos ao longo de todo o país. O encontro brutal das guitarras eléctricas e a Galiza rural está detrás deste movemento, primeiro na música non tradicional ou folk que se pode considerar xenuinamente galego. Obviamente, hai paralelismos con outras manifestacións musicais nadas noutras parte do mundo, tamén xurdidas no intre en que a cultura global bate cun pobo que ten unha forte identidade e tradición cultural, pero sendo común a outras parte do mundo non deixa de ser precisamente a resposta galega a ese choque, moitas veces devastador.

Agora, 20 anos despois do nacemento do Bravú, algunhas daquelas persoas que puxeron as primeiras pedras do rock en galego, xunto con outras que por idade non participaran naquel movemento botan a andar diversas iniciativas para conmemorar o aniversario. A mecha prendérona, de volta, os Diplomáticos de Monte Alto. Despois de se despedir dos escenarios no 2005, despedida rota tan só con algunha aparición esporádica nalgún festival como o Reperkusión ou o propio Castañazo Rock, os Diplomáticos estiveron a gravar nas últimas semanas o videoclip dun novo tema, primeiro que sacan desde hai máis de 10 anos. E vai ser un vídeo subversivo, que ha presentar A Coruña e Vigo como unha única cidade, batendo duro na incoherencia desa desputa tribal saída da nosa idiosincrasia e do opio futboleiro e convenientemente alimentada e espallada por quen máis proveito tira desa loita ilóxica entre as dúas meirandes urbes galegas. O vídeo presentarase no Festival de Cans, probablemente o festival de cinema máis bravú do universo todo, e será o punto de partida de todas as actividades que se han desenvolver. Desde a autoxestión, lonxe do acartonamento do paraugas institucional, sumando ideas e colaboracións no camiño, o proxecto que lanzou, case coma un cantar ao desafío, Xurxo Souto no pasado Culturgal vai collendo xeito. Tamén Souto e a súa banda son protagonistas doutro dos fitos, o libro Non temos medo. Historia Oral dos Diplomáticos de Monte Alto, escrito polo xornalista Rodri Suárez e editado por Nice Trip. Será presentado a vindeira semana, o mércores 28 na sala Mardi Gras da Coruña. Unha biografía conversacional, con entrevistas cos membros do grupos e con persoas, como Fran Alonso ou Manolo Rivas, que viviron de perto o nacemento do grupo e do Bravú.

Haberá máis. Toda a información irá aparecendo nunha web que logo ha estar operativa. De momento, sábese que os Verjalludos traballan na súa volta. Ulträqäns volveron gravar o grande hit dos Papaqueixos, Teknotrafikante, que nesta versión 2.0 canta a Marcial Dorado e non a Sito Miñanco. Outra das cousas que se está a argallar é unha homenaxe a Josefa de Bastavales, a pandereteira do Bravú. Unha señora xa maior, veciña da casa de retornado do escritor Ramón Chao, pai do Manu Chao. Por aí conectou precisamente o músico parisino co Bravú. Nas polavilas na cociña de Josefa, os Chao coincidiron co Souto, co Pinto d´Herbón, con Mercedes Peón. Descubriron que a festa na Galiza se armaba co grupo enriba dun remolque e un torreiro interxeracional, un público entregado e crítico que sentía a música coa paixón de quen goza dela sen atadura ningunha. A homenaxe a Josefa formula tamén, indirectamente, unha resposta a unha das pexas que se lle pon a este movemento, a escasísima presenza de mulleres entre os protagonistas. Transversal na música, na sociedade, nas grandes empresas, esta invisibilización sistemática do 50% das persoas existiu de certo no bravú, e existe aínda agora na música galega.