Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Recollendo a voz do pobo

Na conservación da música tradicional

La musicóloga suiza Dorothé Schubarth graba a dos vecinas de Malpica en julio de 1988 A. Santamarina

Corría 1978 cando a musicóloga suíza Dorothé Schubarth chegou a Galicia de vacacións co obxectivo de coñecer a nosa música popular. Recoñecida investigadora, autora de O canto popular en Europa, catedrática de Harmonía e Contrapunto da Academia de Música de Lucerna, estudara profundamente as zonas dos Balcáns, o Cáucaso, Alemaña e Francia, e quedou impactada ao ver a riqueza musical que estabamos a piques de perder. Sen dubidalo, emprendeu un intenso traballo de campo que se prolongou durante cinco anos. Dorothé, que descoñecía a nosa lingua e a nosa cultura musical, entrou en contacto con Antón Santamarina, catedrático de Filoloxía Galega da USC, quen lle foi axudar nos asuntos lingüísticos, dando inicio a un inmenso traballo de rexistro, recompilación, análise e clasificación de cancións, coplas e melodías que a levou a percorrer trinta e oito zonas da nosa xeografía. Froito do intenso traballo, e grazas á intermediación de Filgueira Valverde, a Fundación Barrié publicou en 1984 o Cancioneiro Popular Galego, unha obra en setes volumes que recolle máis de 5000 pezas, clasificadas por temáticas segundo parámetros científicos europeos, cos seus correspondentes rexistros de audio e onde as persoas informantes adquirían tamén a súa importancia. O Cancioneiro, considerado como a Biblia da lírica popular galega, foi cedido polos autores ao Museo do Pobo Galego para a súa incorporación ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade onde se conserva para a súa consulta pública e difusión. Trátase dun verdadeiro tesouro que debería aparecer nos libros de texto das nosas escolas co fin de que todas e todos os galegos puideramos coñecer e recoñecerlle o inmenso valor que a súa obra ten.

O traballo de Schubart vén de recibir unha nova relectura a partir do documental Dorothé na vila: reler o Cancioneiro, obra de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, que decidiron percorrer corenta anos máis tarde os lugares que antes visitará a musicóloga con gravadora en man, co fin de descubrir que quedaba aínda do mundo e dos cantos recollidos por Schubart. O que atoparon foron momentos cheos de emoción, con informantes que xa non están, outras que si pero xa non cantan, netos que descubriron que as súas avoas cantaban, xentes de avanzada idade con memoria perdida pero que seguen a ser capaces de entoar as súas cancións de mocidade...Narrado en primeira persoa, constitúe unha viaxe interesantísima, humana e persoal, a dar conta dunha sociedade tradicional moi diferente á que foi.

Podemos afirmar que o ser dun pobo se manifesta nas súas cancións. As letras das coplas e cantigas expresan sen lugar a dúbidas o sentir dunha colectividade; as temáticas abordadas dan conta das preocupacións sociais; as ironías empregadas sinalan os temas en conflito; a maneira de dicir sinala os valores, os problemas e as ocupacións das mentalidades nas que eses cantos nacen e evolúen. O modo de transmisión desas pezas na sociedades tradicionais é eminentemente oral e xeracional, pasando de nai/pais a fillas/fillos de xeito aparentemente natural, con toda a connotación cultural do termo. As cantigas, os ritmos e os instrumentos pasan, do mesmo xeito que pasa o modo de entender o mundo, as festas e os momentos de cantar, nas reunión, foliadas e traballos do ciclo anual. Mais a ruptura das sociedades tradicionais cara ao mundo moderno rachou radical e rapidamente coas cosmovisións de antano e este pobo que cantaba os seus desexos, aspiracións, ideas, festividades e valores deixou de transmitir ese saber. Desmontada a forma de vida, desmóntase todo o edificio sostido por ela. E unha vez caído e desaparecidas as persoas que o sustentaban, cae irremediablemente no esquecemento e pérdese para sempre.

A salvagarda de todo este patrimonio musical fíxose na nosa terra na procura dun elemento diferenciador. Inspirados fundamentalmente polo celtismo romántico decimonónico nunha primeira fase, e polas novas oportunidades que brindaba o momento histórico da Transición, recolléronse tradicións que de non se ter por tal, hoxe estarían totalmente esquecidas. Grupos instrumentais, cantareiras e pandeireteiras que viñeron reivindicar o papel da muller na música tradicional galega, agrupacións musicais, gaiteiros, asociacións, grupos de baile,... tentaron que non se perdera ese sermos noso que nos levou ata aquí. Non deberiamos deixar de estarlles agradecidos a aqueles que fixeron e fan que perdure na nosa memoria colectiva.

Compartir el artículo

stats