O xoves 17 de setembro (20:00 horas) Antón Patiño presentará Libro dos Lugares 2 de Editorial Elvira, acto no que participarán tamén Antón Reixa e o editor Xabier Romero. A presentación, que terá lugar na Escola de Deseño Aula D (Elduayen 36 -1), cumprirá estritas medidas de seguridade provocadas pola COVID-19, polo que será necesario confirmar asistencia no correo editorialelvira@gmail.com.

Antón Patiño móstranos a segunda achega do Libro dos lugares. Unha aventura literaria en liberdade onde memoria, ensaio, soño, crónica, relato e reinvención flúen na metamorfose da realidade humana. Os estratos dunha trama de relacións entre o devalo individual e mais a evolución social, entre pasado e futuro, entre o eido consciente e inconsciente. O libro leva un imaxinativo e fermoso prólogo de Estíbaliz Espinosa.

A identidade como proceso plural. Os socalcos biográficos xeran unha colaxe, un remuíño de sensacións entremesturadas. Un libro chamado a ser unha referencia que esculca na cultura da modernidade galega e tamén na forza evocativa dos lugares. Unha teoría da paisaxe agroma por

momentos. Paisaxe como espazo de coexistencia humana nunha simbiose coa contorna xeográfica.

Morea de encontros expresivos que gardan o ecoar emocional do que xorden. Os impulsos vangardistas reflectidos en moitas propostas. A fasquía de alta temperatura simbólica acada no Libro dos lugares páxinas moi suxestivas.

Libro dos lugares trátase dunha proposta longa, que medra aos poucos, e que ten a dimensión imaxinativa dun work in progress que nalgún capítulo vai á procura da intensidade na escrita máis radical. Os distintos capítulos estruturan unha narración que desenvolve variados recursos

literarios, nun certo xeito indo máis alá das convencións estilísticas dos xéneros.

O libro comeza cun apuntamento sobre «As tres dimensións da escrita» e remata cun texto titulado «Excritura» (onde manifesta o desexo dunha escrita que vaia alén dos límites). Estes escritos breves que abren e pechan o libro figuran unha declaración de principios coa mensaxe dun compromiso de innovación. O relato é un dispositivo aberto, o libro é un cofre onde acougan bloques de tempo humanizado, lembranzas, escenas, imaxes ben gravadas na retina da escritapintura.

No primeiro recorrido Libro dos Lugares tivo presentadores tan salientábeis como Manuel Rivas, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Xina Vega, Alfonso Armada, Antón Lopo, Xosé Manuel Pereiro, Ana Cermeño e Ramón Nicolás entre outros. Houbo consenso en definilo como unha proposta chea de orixinalidade.

Cando apareceu esa primeira entrega (hai tres anos) do Libro dos lugares no limiar escribiu Manuel Rivas: «Esta obra, ensaio ascensional, vén ser o que Gaston Bachelard chamaría ̈a transfiguración do peso en luz ̈. Enterrádeme de pé no Libro dos lugares». Daquela, na revista Luzes falaron do Libro dos lugares e definían a Antón Patiño (Monforte, 1957) como: «Pintor, poeta e ensaista senti‒pensante. Un libro no que o maxín crea un hábitat feito coa escritárbore. Un extraordinario feitizo,

un agasallo para a cultura galega e universal».